Un cliente reserva unha cita contigo. A páxina de reserva ten a túa cor e o teu logo. O correo de confirmación chégalle en nome da túa empresa, co teu logo arriba. Dous días despois recibe a invitación á videochamada, logo o orzamento, logo o contrato para asinar: todo coa mesma cara. Non maquetaches nada nin subiches o logo cinco veces. Configurácheslo unha vez. Iso é a Identidade de empresa de NAiOS.
En 30 segundos
- Unha ficha por empresa: logotipo, cores, tipografía, lema, web e ton de voz, en Empresas → Identidade.
- Aplícase soa no que NAiOS crea e envía por ti: documentos, presentacións, facturas, páxinas de reserva, formularios, invitacións, correos a clientes e moito máis.
- A IA tamén a usa: os documentos, presentacións e textos que lle pidas saen coas túas cores e co teu ton.
- Os correos chegan no nome da túa empresa, e se o cliente responde, a resposta vai ao teu enderezo.
- Varias empresas, varias identidades: cada unha coa súa, e sempre ves con cal estás a traballar.
- O que xa teñas personalizado ten prioridade. A identidade é o punto de partida, non unha imposición.
O problema: a marca repartida en vinte sitios
En calquera empresa pequena a marca vive dispersa: o logotipo no modelo de facturas, a cor na ferramenta de reservas, a sinatura no correo, o ton na cabeza de quen escribe. Cada ferramenta nova obriga a volver subir o logotipo e a escoller outra vez a cor, e case nunca coincide de todo. O resultado veo o cliente: unha reserva en morado, unha factura en azul e un correo sen logotipo.
En NAiOS todos os módulos comparten a mesma empresa. Tiña sentido que compartisen tamén a súa cara.
Onde se configura
En Empresas, cada empresa ten unha lapela Identidade con todo nunha soa pantalla:
- Logo, un para fondo claro e, se queres, outro para fondo escuro.
- Cores: principal, secundaria e de acento.
- Tipografía.
- Lema e web.
- Ton de voz: como fala a túa empresa, coas túas palabras. Por exemplo: «próximo e directo, de ti, sen tecnicismos».
Á dereita tes unha vista previa antes de gardar. E para non comezar de cero, dous atallos:
- Propoñer identidade: escribes o enderezo da túa web e NAiOS proponche cores, tipografía, lema, ton e logo a partir dela. Revísala e decides se a aplicas.
- Usar o do ERP: se xa tiñas logo e cor nas túas facturas, cópiaos.

Sempre sabes con que empresa estás
Se levas máis dunha empresa, cada unha ten a súa identidade. Baixo o logo da barra lateral do chat, e na cabeceira de todos os módulos, aparece a Empresa activa co seu logo e unha liña da súa cor. Desde aí mesmo cambias dunha a outra.
É un detalle pequeno que evita un erro grande: emitir a factura ou enviar o correo desde a empresa equivocada.
O que creas sae coa túa marca
- Chat: os documentos, presentacións e páxinas que lle pidas á IA usan por defecto as túas cores, a túa tipografía, o teu logo e o teu ton. Se lle pides outro estilo, respéctao.
- Office: as presentacións nacen coa túa cor, e os Word, PDF e PowerPoint que exportas levan o teu logo.
- ERP: orzamentos e facturas co teu logo e a túa cor.
- Mail: un botón prepara a sinatura da caixa de correo co teu logo, o teu lema e a túa web.
- Campañas: os envíos saen co nome, o logo e a cor da empresa.
O ton de voz merece unha mención á parte. Non é un adorno: é unha instrución que a IA recibe cada vez que redacta algo para esa empresa. É a diferenza entre un texto correcto e un texto que soa a ti. Se che interesa o porqué, contámolo na Wiki: como se lle dan instrucións a unha IA.
O que reciben os teus clientes
Aquí é onde máis se nota. Todo o que NAiOS amosa ou envía a terceiros no teu nome leva agora a marca da túa empresa:
- Calendar e Bookly: as páxinas de reserva e os correos de confirmación, cambio, cancelación e recordatorio.
- Meet: a invitación, os avisos de cambio, o recordatorio, a acta e a páxina pola que entra o convidado.
- CRM: o correo automático que recibe o contacto ao cambiar de etapa.
- Sinatura: o correo e a páxina de sinatura indican quen pide a sinatura.
- Forms: o formulario público, coa túa cor e o teu logo.
- OmniChat: o widget de chat da túa web e os correos de confirmación do bot. Unha canle sen instrucións propias responde en nome da túa empresa, co seu lema e o seu ton.
- Portal e RRHH: as invitacións e os avisos aos teus asesorados e aos teus empregados. A nómina amosa a razón social, o NIF e o logo.
- Xestoría: as circulares á túa carteira prepáranse coa sinatura da empresa.
- Contabilidade: o Libro Diario e o Libro Maior levan a razón social e o NIF na cabeceira.
- Social: «Crear desde a miña empresa» crea unha marca co seu nome, a súa cor e o seu logo.

Quen envía o correo
Ata agora, os avisos automáticos chegaban en nome da plataforma. Agora o remitente é a túa empresa: o teu cliente ve «A túa Empresa (vía NAiOS)» na súa bandexa e, se preme Responder, a resposta vai ao enderezo de contacto que teñas na ficha da empresa.
O enderezo técnico de envío non cambia, e iso é intencionado: é o que ten a reputación e as verificacións que fan que o correo chegue á bandexa de entrada e non á de spam.
Tres regras para que non haxa sorpresas
- O teu manda. Se unha axenda ten o seu propio logo ou un formulario ten a súa propia cor, respéctanse. A identidade só enche o que non escolleses.
- O novo garda a súa empresa. Unha reunión, un formulario ou un portal que crees a partir de agora queda asociado á empresa que teñas activa nese momento.
- Sen identidade, nada cambia. Se unha empresa non encheu a súa ficha, todo sae exactamente coma antes.
Casos de exemplo
Unha axencia con tres marcas
Unha mesma persoa leva a súa marca persoal, a axencia e un proxecto á parte. Tres empresas en NAiOS, tres identidades. Cambia de empresa na cabeceira e as propostas, as facturas e os convites saen coa marca correcta, sen modelos duplicados.
Un despacho ou unha xestoría
O convite ao portal do cliente, as solicitudes de documentación, as circulares e o contrato para asinar chegan co nome e o logotipo do despacho. O cliente recoñece quen lle escribe antes de abrir o correo.
Un negocio con reservas
O escaparate de Bookly, o asistente de reserva e os recordatorios usan a cor e o logotipo do negocio. Se o negocio xa ten a súa foto e o seu nome postos, mantéñense.
Un equipo comercial
O comercial pídelle ao chat «prepárame unha proposta para este cliente» e a presentación sae coas cores e o ton da casa. Ao mover a oportunidade de etapa, o correo automático ao cliente leva a mesma cara.

O que aínda non fai
Preferimos contalo nós:
- Non cambia a cor de fondo de toda a plataforma. Dentro de NAiOS verás o logotipo e un acento de cor da Empresa activa; o resto da interface mantén o tema claro ou escuro que escolleses.
- Os avisos automáticos non saen desde o teu propio dominio. Saen en nome da túa empresa e coa resposta ao teu enderezo. Para escribir desde o teu dominio tes as túas caixas de correo de Mail e Campañas.
- As probas de sinatura son neutras. A acta de evidencias e a copia asinada de Sinatura non levan marca: son un documento probatorio e deben seguir séndoo.
- Os libros contables non levan logotipo nin cor, só a razón social e o NIF.
- Academy e Classroom seguen usando a marca da academia ou do curso, que se configura alí.
Onde está
A Identidade de empresa está dispoñible desde hoxe. Se xa usas NAiOS, abre Empresas, entra na túa empresa e vai á lapela Identidade: con «Propoñer identidade» e o enderezo da túa web tela lista nun par de minutos. Se aínda non, crea a túa conta ou consulta os plans.






